quen somos?

Documento Fundacional +IDEAS

As universidades españolas están a vivir un momento crítico, como resultado dun final de ciclo que abre oportunidades e incertezas, ante a necesidade de afrontar reformas de alcance, para adaptarse ás novas necesidades que demanda a sociedade do século XXI. Só aquelas universidades que aborden esta situación dun xeito decidido poderán formar parte dun grupo destacado, con capacidade de competir favorablemente coas mellores universidades europeas. As restantes quedarán, irremediablemente, nun ámbito secundario. A Universidade de Santiago de Compostela (USC) comparte coas restantes universidades españolas este escenario. Dada a súa situación actual e as súas potencialidades, a USC non pode de ningún modo renunciar a ser unha das integrantes do antedito grupo de vangarda, representando así a Galicia como universidade de referencia a nivel internacional.
O recente proceso electoral na USC levou a un grupo de profesores e investigadores a reflexionar sobre estas cuestións, constatándose as limitacións dun modelo de participación da comunidade universitaria no goberno da universidade unicamente baseado en plataformas universitarias, un sistema que, en todo caso, lle deu ao longo do tempo á nosa universidade unha notable estabilidade e coherencia programática.
A presentación dun número tan elevado de candidaturas e a formulación de liñas programáticas que nos pareceron en moitos casos inaxeitadas para levar na boa dirección o goberno da universidade, permitiron evidenciar unha preocupante situación de falta de liderados universitarios, suscitándonos dúbidas no que atinxe ao porvir da nosa Universidade.
Neste escenario un grupo de profesores e investigadores universitarios, que comparten estas preocupacións e inquedanzas, coincidimos na necesidade de organizarnos de xeito estable, promovendo a constitución dunha agrupación universitaria, denominada +IDEAS, aberta a todas aquelas persoas que teñan algún tipo de vinculación coa USC e compartan un ideario de progreso, baseado na aposta por unha universidade pública, comprometida coa calidade docente e investigadora, dinamizadora do seu entorno socioeconómico, e con capacidade de abordar os retos do século XXI, promovendo a excelencia na xeración e a transferencia de coñecemento.
O grupo promotor desta iniciativa está integrado por persoas dunha grande pluralidade de idades, de perfís profesionais, de orixes e tamén de formas de entender a universidade. Mais todas son persoas que comparten un firme e contrastado compromiso coa universidade en xeral e coa USC en particular, entendendo que a USC ten que ser unha universidade líder na interacción coa sociedade e na procura do permanente progreso e modernización de Galicia. +IDEAS pretende, por conseguinte, participar de forma activa e responsable na vida universitaria, a través tamén dos seus órganos de goberno e representación, desde os que se propón traballar en base a un proxecto de mellora e modernización da Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo permanente de contribuir ó seu progeso.
Para afrontar con eficacia e eficiencia estes obxectivos é necesario dotarse dunha organización cunha mínima vertebración, aberta á participación voluntaria pero implicada de todas ás persoas que compartan este ideario, debendo renovar periódica e explícitamente o seu compromiso con +IDEAS.
O plantexamento organizativo desta iniciativa constrúese arredor dun Pleno, do que formarán parte todos os membros; unha Comisión Operativa (CO) de alomenos 7 membros, dos que un sería o voceiro, e unha Comisión Intercentros (CI) .
O pleno elexirá o Voceiro e a parte dos membros da CO.
A CI estará formada por tres membros da CO, dos que un será o voceiro, e un representante por cada Centro, que debe ter un suplente para garantir a máxima participación.

A CO, formada por un mínimo de sete membros, propostos en parte polo pleno e o resto polo Voceiro, garantizará tanto a representación dos dous campus, como a das grandes áreas e a igualdade de xénero.


MODELO BÁSICO DA UNIVERSIDADE QUE DEFENDEMOS
  • Apostamos por unha universidade pública, competente, que busca o progreso e a mellora da calidade de vida, comprometida coa sociedade e co medioambiente, e que lidere a modernización e o cambio do modelo económico e social de Galicia.
  • Unha universidade de calidade, que forme os seus estudantes na cultura do esforzo e do desenvolvemento económico, social e ambiental responsables.
  • Unha universidade que participe activamente na xeración de coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico, na que a actividade investigadora sexa recoñecida e valorada tanto internamente como por instancias alleas á propia institución.
  • Unha universidade que exerza o papel de servizo público, ao tempo que asume o liderado que a sociedade demanda e necesita, capaz de defender a súa autonomía e con firmes compromisos éticos.
  • Unha universidade que sexa moderna, cunha xestión profesional dos seus medios humans e materiais e que se comprometa coa docencia, a investigación e a transmisión e transferencia do coñecemento, o desenvolvemento tecnolóxico e a cultura, nunha aposta permanente pola excelencia e un uso eficaz e eficiente dos seus recursos.
  • Unha universidade que aposte claramente pola internacionalización e que ao tempo desempeñe a súa responsabilidade no Sistema Universitario de Galicia, liderando a colaboración coas outras universidades.
  • En definitiva, queremos unha universidade preparada para participar activamente nos grandes proxectos internacionais, tanto a nivel docente como investigador.

Organización de +IDEAS 
(aprobada no pleno do 13/01/2011)

+IDEAS ocúpase da actualidade da USC e de contribuir á mellora da Universidade; tamén participa nos órganos de goberno e representación (Xuntas de Centro, Consello de Goberno, Claustro…). As súas contribucións a estes cometidos adoptan múltiples formas: debates sobre temas de actualidade, grupos de traballo, elaboración de informes e documentos, participación, comunicación e información a través de medios electrónicos e impresos, etc. A práctica e o debate teórico van configurando o modelo de universidade que +IDEAS defende, a partir dos puntos básicos recollidos no documento fundacional.


PLENO
O Pleno está formado por todos os membros de +IDEAS. É o órgano máximo para a toma de decisións, que se adoptan por maioría simple dos presentes.
O Pleno de +IDEAS reunirase todas as veces que sexa necesario, alomenos unha vez por trimestre lectivo. Será convocado polo Voceiro para tratar os asuntos de carácter transversal e de importancia estratéxica que afecten ó conxunto da Universidade, e sobre os que sexa de interese adoptar unha postura común.

COMISIÓN OPERATIVA (CO)
A Comisión Operativa encárgase da xestión diaria da organización, da coordinación cos diferentes centros, do reparto de tarefas, da interlocución cos grupos de traballo e do mantemento da páxina web e outros medios de difusión e participación.
A CO está formada por sete membros. Un deles será o/a Voceiro/a. Tres persoas serán elexidas polo Pleno entre os candidatos ou candidatas que se presenten á elección. As outras tres persoas serán escollidas polo Voceiro.
O mandato dun membro da CO dura dous anos, reelexible.

COMISIÓN INTERCENTROS (CI)
A Comisión Intercentros (CI) é o medio de conexión directa entre +IDEAS e os Centros, e o lugar principal para pulsar a opinión e inquedanzas da comunidade universitaria. Serve para tratar os temas ordinarios e os que sexan de interese particular para cada Centro e poidan ter unha relevancia xeral. Os seus acordos serán trasladados á CO e singularmente ao Pleno polo Voceiro.
Na CI haberá dúas persoas (titular e suplente) representando a cada Centro onde +IDEAS teña presencia. Estas persoas serán elixidas cada dous anos polos membros de +IDEAS en cada Centro. Tamén formarán parte da CI o Voceiro e outros dous membros da CO.
As reunións da CI serán convocadas polo Voceiro, ben por iniciativa propia ou a petición dunha maioría cualificada.

O/A VOCEIRO/A
O/A Voceiro/a representa públicamente a +IDEAS, fala en representación da agrupación e coordina a actividade de todos os demais órganos e grupos de traballo. Rende contas, xunto co resto do CO, ante o Pleno e executa os seus acordos. Cando o considere necesario levará a discusión polo Pleno os temas ou acordos do Comité Intercentros.
É elexido polo Pleno cada dous anos no primeiro trimestre lectivo do curso. O seu mandato dura dous anos, reelexible por unha soa vez.

OUTRAS NORMAS
As reunións dos distintos órganos convócanse por correo electrónico, con antelación razoable e cunha orde do día. O Voceiro dará conta dos temas de discusión que lle foran propostos e os motivos para aceptar ou rexeitar poñelos na orde do día. Levaráse un rexistro mínimo das reunións realizadas e dos principais acordos adoptados.
Como regla xeral os acordos adóptanse por maioría simple. En temas de especial
relevancia (eleccións, cambios importantes na agrupación, modificación do regulamento) a convocatoria farase alomenos con 48 horas de antelación e constará explícitamente o tema na relación de asuntos a tratar.

OBSERVATORIOS
Os Observatorios de +IDEAS encárganse establementede de áreas específicas de especial interese. Cada Observatorio está a cargo de una ou dúas persoas, propostas polo CO, e formado por todos os membros de +IDEAS relacionados con esas áreas que voluntariamente o desexen.
1.CLAUSTRO Arredor dos claustrais de +IDEAS organizarase un Observatorio para coordinar as súas actividades co CO e manter debidamente informado ó Pleno sobre os asuntos a tratar e as decisións a adoptar.
2.GOBERNO Este Observatorio servirá para facer un seguimento da acción de goberno na USC. Coordinará a súa actividade co CO para manter debidamente informado ó Pleno e ó CI sobre os asuntos a tratar e as decisións a adoptar. Pode organizarse en subtemas como “Políticas de Investigación"; "Personal (docente, investigador, PAS)”; “Titulacións”; "Financiación e Infraestructuras".
3.ESTATUTOS Arredor dos membros de +IDEAS na Comisión de Desenvolvemento Estatutario constituirase un Observatorio que actúe coordinadamente, permita ordear a discusión e manteña debidamente informado ó Pleno sobre os asuntos a tratar e as liñas de actuación a adoptar.
4.‐ COMUNIDADE UNIVERSITARIA Este Observatorio formarase en colaboración cos membros do Persoal de Administración e Servicios e outros colectivos da USC que teñan interese en debatir temas específicos e adoptar posicións na liña de +IDEAS.
5.XUNTA Supervisa as accións e iniciativas da Consellería de Educación e doutras que poidan ter incidencia na universidade, para manter debidamente informado ó Pleno e ó CI sobre os asuntos a tratar e as decisións a adoptar.
6.TEMAS Este grupo encargarase, en coordinación co CO, de introducir no blog de +IDEAS temas de debate, invitar á colaboración de autores externos e de informar das conclusións que poidan tirarse dos comentarios dos usuarios. Farase referencia periódicamente a un tema utilizando noticias de prensa, comunicados de sindicatos, colectivos de investigadores, documentos propios, etc.
GRUPOS DE TRABALLO
 

Os grupos de traballo de +IDEAS adícanse a informarse, contactar coas persoas adecuadas, elaborar documentación sobre temas de actualidade e producir propostas que permitan a +IDEAS posicionarse e ir definindo un modelo de universidade. Cada grupo de traballo está baixo a responsabilidade de una ou dúas persoas, propostas polo CO. Actúan en coordinación cos Observatorios e o CO, en función da súa temática.
 

No período inicial pódense tratar, entre outros, os seguintes temas.
1. Persoal investigador: Investigadores, precarios, reforma laboral, supresión de programas de persoal investigador.
2. Financiamento: Proposta da Xunta, acordos entre universidades, indicadores,
criterios de reparto, orzamentos, plantillas, recortes presupostarios.
3. Campus de Excelencia Internacional: Posición de +IDEAS, postura do equipo
reitoral, Centros Singulares de Investigación, non recualificación de Campus Vida.
4. Titulacións: Política da Consellería, titulacións na USC.